Hoxe en Golfo&Dama queremos iniciar outra sección neste blog, onde vos falaremos dos animais como protagonistas da mellora na saúde das persoas. Este primeira quenda estará adicada aos cabalos e á súa utilización para a rehabilitación de persoas con problemas tanto físicos como psíquicos.
Aínda que pareza que recorrer aos animais neste sentido é algo novo no caso dos equinos, o costume de montalos para previr ou curar doenzas vén da antiga Grecia, de onde se estendeu ao resto de Europa.
Este tipo de terapia considérase na actualidade como unha terapia integral, xa que é idónea para o desenvolvemento cognitivo, físico, emocional, social ou ocupacional de tódalas persoas con discapacidades ou necesidades especiais. Dependo do tipo de necesidade de cada paciente realizaranse uns exercicios ou outros. As disciplinas máis comúns son o volteo terapéutico, a hipoterapia, a equitación psicopedagóxica, a equinoterapia social adaptada ou as terapias ecuestres ocupacionais.
Polo tipo de terapia da que se trata é moi importante contar con profesionais en terapias ecuestres, así como con psicólogos, fisioterapeutas ou pedagogos que axuden no momento da súa realización. É primordial tamén ter en conta que, por mansos que sexan, os cabalos poden reaccionar de diversas maneiras, polo que sempre haberá que ir protexido cun casco, ademais de que os participantes nas montas deberán contar cun documento médico que certifique a súa aptitude para a monta.